Arquivo para a Categoría 'Música para escoitar'

Chaplin e a Danza húngara nº 5 de Brahms

Charles Chaplin foi un magnífico actor, director e compositor das bandas sonoras das súas propias películas. No filme “O grande dictador” hai unha escena onde Chaplin, barbeiro, arránxalle a cara a un cliente seguindo o ritmo e os temas da Danza húngara nº 5 de Brahms.
Xenial…!!!

Estudo op 56 nº 4 – Schumann

A comezos de 1845, Robert Schumann estaba empeñado en mellorar a súa escritura contrapuntística. O resultado deste esforzo son varias obras: os estudos op 56 en forma de canon para piano con pedal, Esquisses op 58, seis fugas sobre o nome de Bach op 60 para órgano e as catro fugas op 72  para piano a catro mans.

O piano con pedal foi un instrumento ideado por Johannn Gottlieb Wagner que consistía en equipar un piano cunha pedaleira que en 1840 xa estaba bastante perfeccionado. Estaba pensado para estudar órgano en casa…

Os Estudos op 56 son obras en forma de canon.  Están cheos de inspiración e de música maravillosa. Como exemplo, esta xoia: o estudo nº 4, magníficamente interpretado por Thomas Murray.

À Chloris. Reynaldo Hahn – Susan Graham

Unha melodía sinxela e emotiva cun acompañamento ao estilo barroco soan nesta peza Á Chloris composta polo músico nado en Venezuela pero con formación francesa Reynaldo Hahn. A voz de Susan Graham móstrase no seu grande esplendor. Que fermosa voz e que grande cantante é!

Tres melodías semellantes

Non é raro que os compositores utilicen en varias obras a mesma melodía, claro, con certas diferenzas para que se acomoden ao carácter e temática da obra. Haendel tamén recorre a este procedemento. Un exemplo moi ilustrativo. A célebre melodía “Lascia ch’io pianga” de Rinaldo, tamén aparece en “Almira” coma unha “Sarabanda” e en “Lascia la spina“.

Lascia la spina

Almira

Lascia ch’io pianga

Tocando e cantando polo cambio por todo o mundo – Stand by me

A tecnoloxía musical e as TIC poden facer isto: posibilitar a interpretación da mesma peza por varios músicos en lugares distintos do planeta. “Playing for Change” é un movemento multimedia creado para inspirar, conectar e traer a paz ao mundo coa música como ferramenta. Vexan a proba: esta versión de Stand by me comeza en Santa Mónica (USA) e pouco a pouco vanse sumando a ela músicos e intérpretes de diferentes zonas do mundo. A disfrutar! Podemos cambiar o mundo? A linguaxe da música é universal…

Sonata para violín e piano – Cesar Franck

O gran compositor belga Cesar Franck, ademais de grande organista, adicou a súa atención á combinación instrumental violín-piano compoñendo unha fantástica Sonata en La maior. Cunha inspiración romántica, unha forma novedosa de tipo cíclico e cun tratamento virtuosístico do conxunto instrumental e de cada instrumento por separado, nunca lle dá a espalda á expresión dos sentimentos e á esencia musical. O primeiro movemento comeza dun xeito misterioso e chega no medio a unha cima expresiva moi inspirada. O último movemento é, quizais o máis novedoso, coa presentación dun canon entre os dous instrumentos que semella non deterse nunca e sen resolución pero que ao final resólvese.

Ofrecemos unha versión histórica con Yehudi Menuhin ao violín e unha pianista extraordinaria.

Primeiro movemento

Cuarto movemento

Im Abendrot – Richard Strauss

Richard Strauss é un compositor moi interesante xa que pertence ao post-romanticismo e aínda que non está no camiño da ruptura da tonalidade ten unha linguaxe a medio camiño entre a tradición máis pura e a vangarda.

Os “Catro últimos lieders” amosan variedade de atmosferas sonoras dentro do xénero da canción con orquestra. O tratamento orquestral é fermoso e cheo de momentos de grande expresividade tímbrica que contrastan con momentos melódicos apaixoados, tenebrosos ou cheos de calma. Para nós, o outono, a sombra, a morriña, a paixón, a resignación incluso… son algunhas imaxes e sentimentos que albiscamos nestas catro pezas.

Im Abendront trata sobre o solpor, sobre a soidade nesta hora que sinte unha parella, sobre a paz e a serenidade desta hora, e unha pregunta eríxese ao final: será a morte?.  Renee Fleming interpreta este lied neste vídeo. Fíxense que o título da páxina onde está aloxado o vídeo non é o correcto.

O pastor na rocha – Schubert – Lieder

Schubert é un compositor no que a inventiva melódica e o tratamento harmónico cobran unha grande viveza e expresividade extraordinarias. Entre os recursos que o compositor domina e sácalle o mellor partido está a modulación.

Os lieders de Schubert constitúen un auténtico corpus da canción tripartita romántica. Este que lles presentamos posúe unha singularidade chamativa. Titúlase “O pastor na rocha” ou “Der Hirt auf dem Felsen”. A singularidade é a distribución tímbrica, para piano, clarinete e soprano (caso pouco frecuente), o papel importante do clarinete e o papel secundario do piano.

Poden ampliar información e escoitar varias versións do mesmo nesta páxina de Cantan ellas

Por outra banda, poden disfrutar da partitura nestes dous xeniais vídeos:

Va pensiero – Nabucco – Verdi

Va pensiero, da ópera Nabucco de Verdi, vén sendo case o segundo himno italiano, peza coral moi coñecida en todo o mundo. Aquí lles ofrecemos unha versión co Orfeón Donostiarra como protagonista.

Quinteto KV 581 – Mozart

Mozart foi un dos compositores que lle adicou un papel relevante ao clarinete como instrumento solista, como integrante dun conxunto de cámara ou coma un instrumento que forma parte da orquestra. Exemplos témolos dabondo: o concerto para clarinete, o clarinete en A Frauta Máxica ou este quinteto que hoxe brindámoslles para degustar.

O quinteto KV 581 para clarinete e cordas é un exemplo clarísimo de empaste dun instrumento de vento madeira como o clarinete cun cuarteto de cordas. Ademais, a grande riqueza melódica que ofrece é outro exemplo da grande inventiva e inspiración do compositor. Por outra banda, non debemos esquecer o significado simbólico que para Mozart posuía o clarinete.

Pois nada, a gozar con este quinteto, no seu primeiro movemento, Allegro, con Sabine Meyer ao clarinete e o cuarteto Hagen, intérpretes de luxo…

Seguinte páxina »