Máis música aquí…

Máis música no blog de Musicanaescola

Concerto para clave BWV 1058 – Bach – Segundo movemento

O segundo movemento do Concerto para clave BWV 1058 de J.S.Bach posúe un engado especial.  Alterna un motivo rítmico obstinado no continuo  coas diferentes aparicións do solista, que vai construíndo un discurso cada vez máis lírico. Todo isto é unha proba evidente do principio barroco do contraste.

Presentamos a versión para clave de Trevor Pinnock co English Concert

Aquí a versión para piano de Glenn Gould:

Claro que este concerto ten a súa versión para violín, ou ao revés, o de clave é unha versión do de violín. Escoitamos a Nigel Kennedy:

Advertisement

For all we know – Nina Simone

Nina Simone,  unha muller comprometida coa defensa dos dereitos civís en Estados Unidos, unha artista que non se pode encasillar, unha artista orixinal, cunha impresionante técnica pianística ao servizo da expresión dos sentimentos máis profundos, cunha voz de contralto especial e cun estilo mestura da fusión de elementos procedentes do soul, do rythman-blues, do jazz, do blues e da música clásica. As súas actuacións transmiten pasión, non deixan ao oínte en absoluto indiferente, son, moitas veces, conmovedoras e chegan ao corazón directamente.

Fíxense neste trío gravado en 1961, de aí a mala calidade sonora, pero que resulta unha versión incriblemente única e orixinal da canción For all we know.

Aquí teñen a versión gravada en disco, para que aprecien a diferenza.

Tiento de 2° Tono Sobre la Letanía de la Virgen – Pablo Bruna

Os séculos XVII e XVIII considéranse coma os “séculos de ouro” do órgano ibérico. O órgano ibérico pódese definir como un modelo de órgano que se construía na península Ibérica é dicir, nos reinos de Castela, Portugal e Aragón. Señas identitarias deste órgano son o teclado partido, o segredo de corredeiras, a disposición horizontal da lingüetería no exterior da caixa, a arca de ecos… Tamén o rexistro fundamental deste órgano é o frautado de 13 palmos.
En Galicia temos un dos mellores órganos deste período en activo, aínda que moi necesitado dunha conveniente restauración. Trátase do órgano da Igrexa de Santa María de Xunqueira de Ambía (Ourense).
Como exemplo de música deste período escollemos a obra de Pablo Bruna “Tiento de 2° Tono sobre a Letania de la Virgen”. Sobre a melodía da ladaíña, Bruna constrúe unha serie de improvisacións cada vez máis audaces e ricas en cambios rítmicos e harmónicos.
Ofrecémoslle dous vídeos:

  • Organista: Santiago Banda. Órgano: Igrexa dos Pais Dominicos de Pamplona.
  • Partitura máis audición

Dumka op 59 – Tchaikovsky

A obra para piano máis coñecida de Tchaikovsky é, sen lugar a dúbidas, o seu Concerto nº1 para piano e orquestra, un auténtico monumento ao virtuosismo e ao xénero concertante con piano.
Non obstante, a súa produción pianística abrangue toda unha extensa serie de títulos que poderiamos calificar como música de salón ou de cámara, tamén con algúns toques didácticos. A colección máis coñecida é “Os meses do ano“. Hai máis, entre elas, unha serie de obras que perdeu o interese dos intérpretes contemporáneos, pero nas que podémonos atopar sorpresas como é o caso de Dumka: unha obra chea de nostalxia (un canto ruso) nos seus extremos para albergar na parte central un episodio virtuosístico e brillante.
O pianista Mikhail Pletnev mostra a súa grande capacidade interpretativa nesta obra:

Sinfonía 101 O Reloxo – Haydn

Haydn foi un compositor asentado dentro da estética do período musical chamado Clasicismo. Un momento estético no que a forma da música constituía un dos elementos máis importantes a ter en conta á hora de compoñer. O seu labor de moitos anos fructificou na consolidación da sinfonía e do cuarteto de corda así como da forma-sonata.
Músico afamado no seu tempo, caeu no esquecemento a partires da súa morte, enterrado polos músicos románticos que fixaron a súa atención, sobre todo, en Beethoven e o seu último período estético. Quizais a súa biografía non resultaba interesante por estar demasiado tempo ao servizo de Nicolás I Esterházy, quen lle fixo traballar arreo, contribuíndo a unha especie de illamento. Unha frase do propio Haydn o di todo: “Non tiven máis remedio que acabar sendo orixinal, ou chegar a selo”.
A pesares disto, a música de Haydn ten momentos xeniais. A súa orquestración é moi particular, destaca o papel que lle dá á familia de vento madeira. As súas últimas sinfonías, as sinfonías de Londres, constitúen auténticos monumentos arquitectónicos musicais onde a prefección formal está acompañada de grande inspiración. O seus oratorios son un reflexo disto tamén.
Como exemplo escollemos a sinfonía 101, o reloxo. O primeiro movemento, a introdución lenta que o compositor adoita empregar ao principio de cada sinfonía, é un exemplo de indefinición tonal que soa futurista para o seu tempo (fíxense nos primeiros 1:38 minutos do vídeo). O alcume o reloxo pode ser debido ao seu segundo movemento. Pero tamén pode ter que ver a monumentalidade da obra con eses reloxos xigantescos que hai en Austria, ou tamén co tempo cronolóxico, ese devenir que non se detén e que avanza inexorablemente…
A orquestra sinfónica da Radio de Sttutgart e Sir Roger Norrington como director, protagonistas destes catro vídeos:
I Movemento:

II Movemento:

III Movemento:

IV Movemento:

Tafelmusik – Telemann

O compositor alemán Georg Philipp Telemann (1681-1767) foi contemporáneo de J.S.Bach e amigo persoal de Haendel. Compositor moi prolífico, autodidacta, chegou a dominar instrumentos coma o violín, a frauta de bico, o óboe, o órgano, entre outros.

O termo Tafelmusik fai referencia á música que se interpretaba durante os banquetes nos séculos XVI e XVII. No século XVIII foi substituído polo termo divertimento. Telemann compuxo tres producións de Tafelmusik. En cada unha delas preséntasenos a mesma estrutura: obertura, cuarteto, concerto, trío, solista e final, todas na mesma tonalidade.

Da segunda produción, na tonalidade de re, escollemos para ilustrar musicalmente este artigo, o cuarteto para frautas traveseiras e frauta de pico:

Cuarteto para a fin dos tempos – Olivier Messiaen

O século XX deunos un enorme compositor: Olivier Messiaen (1908-1992). É un músico moi sólido. Compuxo para música para órgano ( A Trindade, A aparición da igrexa eterna, A misa de Pentecostés…), para orquestra (A sinfonía Turangalila), para piano (Catálogo de paxaros), música de cámara (Cuarteto para a fin dos tempos). A natureza e a relixión constitúen uns piares básicos na súa música. A composición para órgano ocupou grande parte do seu labor, utilizou instrumentos propios do seu tempo como as ondas Martenot e unha ampla representación de instrumentos de percusión nas súas obras orquestrais.

O Cuarteto para a fin dos tempos, para violín, clarinete, violoncelo e piano, foi composto entre 1940-41, en plena ocupación nazi de Francia. En maio de 1940, Messiaen foi capturado en Verdún e levado a Görlitz, onde permaneceu no campo de prisioneiros Stalag VIII-A. Alí, coñeceu a un violinista, a un cellista e a un clarinetista, entre os prisioneiros. Inicialmente, escribiu un trio para eles, pero pouco a pouco el mesmo (ao piano) incorporouse ao trío e compón esta obra, vital para toda a música posterior.

Ofrecemos dous momentos ben diferentes dentro da mesma obra:

  • Movemento VI – Danza para o furor das sete trompetas.
  • Louvanza da eternidade de Xesús.

Concerto en re menor para violín – Schumann

Ao redor de 1852, no medio dunha grande crise psicolóxica, Schumann estaba a desenvolver un novo estilo de compoñer. Unha mostra disto é o Concerto en re menor para violín e orquestra. O segundo tempo constitúe o movemento máis importante e no que este novo estilo se pode apreciar. Resulta un movemento enigmático, conmovedor, con momentos de grande tensión emotiva seguidos de pequenas pausas no discurso. Case é un tempo monotemático. A base de todo está nun deseño sincopado inicial que, aos poucos, vai aparecendo na orquestra ou no solista. Mentres, o tema amplíase, recórtase, outras veces suxírese, soa algo diferente cada vez que o escoitamos. Estamos, sen lugar a dúbidas, no inicio da forma cíclica, recurso moi empregado por compositores que viñeron despois. Por tanto, esta obra, ten moito de precursora. Ademais, ao propio compositor causoulle un forte impacto este tema. Era ese tema que dicía que fora dictado polos anxos, coa axuda de Schubert e Mendelssohn xa falecidos. Todo isto xeroulle grande anguria e levouno á súa terceira e derradeira crise que acabaría, despois de tirarse ao Rihn e de estar internado nun psiquiátrico, coa súa vida.

Ante todo, nesta obra apreciamos o xenio compositivo de Schumann. Ese xenio que se manifesta nunha linguaxe musical propia e única, inconfundible, orixinal, cun tratamento harmónico e orquestral tan persoal que semella estar ás veces fóra do seu tempo.

O violinista Liviu Prunaru interpreta o segundo movemento que dura ata o minuto 5:50, cando empeza o terceiro movemento.

Rossini: L’italiana in Algeri

Rossini (1792-1868), grande músico italiano, sobresaíu na composición de óperas con obras tan famosas coma O barbeiro de Sevilla, Guillermo Tell, La Cenerentola ou A italiana en Alxer… O tratamento da voz, dun virtuosismo tal que moitas óperas apenas podían ser interpretadas polos solistas da súa época, xunto co salientable tratamento orquestral contribuíron enormemente a prestixiar a súa obras.

As oberturas destas óperas son mostras dese virtusismo vocal traspasado ao plano instrumental. Estas pezas, que se interpretan antes do primeiro acto cuxo fin consiste en ir metendo en ambiente ao público anticipándolle os temas que vai escoitar a continuación, chegaron a ser na actualidade obras independentes onde a orquestra e as súas seccións amosan o seu dominio técnico e musical.

A obertura da ópera A italiana en Alxer constitúe un exemplo moi didáctico do estilo rossiniano: introdución lenta, contrastes dinámicos acentuados, velocidade endiablada, momentos solistas fermosos e difíciles, diálogos entre seccións da orquestra… O óboe, o clarinete e a frauta traveseira xogan un importante papel. A versión que ofrecemos apórtanos pureza, melodías cristalinas, viveza e brío na interpretación…