Arquivo por mes: Febreiro 2010

Rossini: L’italiana in Algeri

Rossini (1792-1868), grande músico italiano, sobresaíu na composición de óperas con obras tan famosas coma O barbeiro de Sevilla, Guillermo Tell, La Cenerentola ou A italiana en Alxer… O tratamento da voz, dun virtuosismo tal que moitas óperas apenas podían ser interpretadas polos solistas da súa época, xunto co salientable tratamento orquestral contribuíron enormemente a prestixiar a súa obras.

As oberturas destas óperas son mostras dese virtusismo vocal traspasado ao plano instrumental. Estas pezas, que se interpretan antes do primeiro acto cuxo fin consiste en ir metendo en ambiente ao público anticipándolle os temas que vai escoitar a continuación, chegaron a ser na actualidade obras independentes onde a orquestra e as súas seccións amosan o seu dominio técnico e musical.

A obertura da ópera A italiana en Alxer constitúe un exemplo moi didáctico do estilo rossiniano: introdución lenta, contrastes dinámicos acentuados, velocidade endiablada, momentos solistas fermosos e difíciles, diálogos entre seccións da orquestra… O óboe, o clarinete e a frauta traveseira xogan un importante papel. A versión que ofrecemos apórtanos pureza, melodías cristalinas, viveza e brío na interpretación…

A mandolina e Vivaldi

A mandolina é un instrumento cordófono de catro cordas dobres que se pulsan con plectro. A súa caixa de resonancia pode ser cóncava ou plana. A primeira vez que aparece citada a palabra mandolina sucedeu en 1563 para referirse a un instrumento máis pequeno ca a mandola. Hoxe en día a mandolina emprégase na música folk de varios países. En España, a bandurra substitúe á mandolina.

Vivaldi compuxo un concerto para mandolina RV 425. Vivaldi segue fiel ao seu estilo e a música flúe coma un torrente cheo de vida. É unha música que esperta sentimentos de ledicia. Escoitamos o primeiro movemento deste concerto en Do maior, interpretado por Jacob Reuven: