Arquivo por mes: Abril 2010

Cuarteto para a fin dos tempos – Olivier Messiaen

O século XX deunos un enorme compositor: Olivier Messiaen (1908-1992). É un músico moi sólido. Compuxo para música para órgano ( A Trindade, A aparición da igrexa eterna, A misa de Pentecostés…), para orquestra (A sinfonía Turangalila), para piano (Catálogo de paxaros), música de cámara (Cuarteto para a fin dos tempos). A natureza e a relixión constitúen uns piares básicos na súa música. A composición para órgano ocupou grande parte do seu labor, utilizou instrumentos propios do seu tempo como as ondas Martenot e unha ampla representación de instrumentos de percusión nas súas obras orquestrais.

O Cuarteto para a fin dos tempos, para violín, clarinete, violoncelo e piano, foi composto entre 1940-41, en plena ocupación nazi de Francia. En maio de 1940, Messiaen foi capturado en Verdún e levado a Görlitz, onde permaneceu no campo de prisioneiros Stalag VIII-A. Alí, coñeceu a un violinista, a un cellista e a un clarinetista, entre os prisioneiros. Inicialmente, escribiu un trio para eles, pero pouco a pouco el mesmo (ao piano) incorporouse ao trío e compón esta obra, vital para toda a música posterior.

Ofrecemos dous momentos ben diferentes dentro da mesma obra:

  • Movemento VI – Danza para o furor das sete trompetas.
  • Louvanza da eternidade de Xesús.

Concerto en re menor para violín – Schumann

Ao redor de 1852, no medio dunha grande crise psicolóxica, Schumann estaba a desenvolver un novo estilo de compoñer. Unha mostra disto é o Concerto en re menor para violín e orquestra. O segundo tempo constitúe o movemento máis importante e no que este novo estilo se pode apreciar. Resulta un movemento enigmático, conmovedor, con momentos de grande tensión emotiva seguidos de pequenas pausas no discurso. Case é un tempo monotemático. A base de todo está nun deseño sincopado inicial que, aos poucos, vai aparecendo na orquestra ou no solista. Mentres, o tema amplíase, recórtase, outras veces suxírese, soa algo diferente cada vez que o escoitamos. Estamos, sen lugar a dúbidas, no inicio da forma cíclica, recurso moi empregado por compositores que viñeron despois. Por tanto, esta obra, ten moito de precursora. Ademais, ao propio compositor causoulle un forte impacto este tema. Era ese tema que dicía que fora dictado polos anxos, coa axuda de Schubert e Mendelssohn xa falecidos. Todo isto xeroulle grande anguria e levouno á súa terceira e derradeira crise que acabaría, despois de tirarse ao Rihn e de estar internado nun psiquiátrico, coa súa vida.

Ante todo, nesta obra apreciamos o xenio compositivo de Schumann. Ese xenio que se manifesta nunha linguaxe musical propia e única, inconfundible, orixinal, cun tratamento harmónico e orquestral tan persoal que semella estar ás veces fóra do seu tempo.

O violinista Liviu Prunaru interpreta o segundo movemento que dura ata o minuto 5:50, cando empeza o terceiro movemento.