A mandolina e Vivaldi
A mandolina é un instrumento cordófono de catro cordas dobres que se pulsan con plectro. A súa caixa de resonancia pode ser cóncava ou plana. A primeira vez que aparece citada a palabra mandolina sucedeu en 1563 para referirse a un instrumento máis pequeno ca a mandola. Hoxe en día a mandolina emprégase na música folk de varios países. En España, a bandurra substitúe á mandolina.
Vivaldi compuxo un concerto para mandolina RV 425. Vivaldi segue fiel ao seu estilo e a música flúe coma un torrente cheo de vida. É unha música que esperta sentimentos de ledicia. Escoitamos o primeiro movemento deste concerto en Do maior, interpretado por Jacob Reuven:
Rachmaninov preludio op 23 nº4
Sergei Rachmaninov (1873-1943) foi un excelente compositor, ademais de afamado intérprete e director. Na súa música pódese albiscar anacos de música popular rusa, pero de tal xeito que soa a música universal, unha música que podemos facer nosa e coa que todos podemos sentir o que o compositor desexa transmitir. O fracaso da súa primeira sinfonía causoulle unha tremenda depresión que o inhabilitou para a creación musical durante un tempo. Grazas a un tratamento psicolóxico con bos resultados, Rachmaninov saíu da súa crise e compuxo esa serie de obras impresionantes que comezou coa Segunda Sinfonía, os catro concertos para piano e orquestra, varios poemas sinfónicos e a música para piano.
Ser un virtuoso do piano e, á vez, posuír a inspiración precisa, fan que as obras pianísiticas de Rachmaninov brillen con luz propia. Os preludios para piano constitúen unha mostra disto. Poderiamos ter elexido o brillante e espectacular Preludio op 23 nº5, mais queremos amosar a un Rachmaninov íntimo, que precisa dun pianista que faga cantar esa melodía sinxela pero profunda que soa no Preludio op 23 nº4. O pianista que interpreta excelentemente esta peza é Nikolai Lugansky.
Sarasate, Galicia e Carlos Núñez.
Un dos máis grandes violinistas de todos os tempos é Pablo Sarasate. A súa paixón polo violín e o seu enorme virtuosismo con este pequeno instrumento de corda levouno a compoñer obras nos que o intérprete debe aunar unha coidada técnica e unha musicalidade extraordinaria. A Sarasate gustáballe o folclore de España e compuxo obras adicadas inspiradas neses aires. Entre elas, citemos esta “Muiñeira“, da que Carlos Núñez realizou un arranxo para frauta e na que se pode comprobar a grande altura interpretativa deste músico galego:
Oblivion – Piazzolla
Oblivion significa para os anglosaxóns esquecemento… Piazzolla, extraordinario compositor argentino, que tivo moitos problemas cos chamados “ortodoxos” do tango (quen o calificaban de “asasino do tango”) mantívose fiel á súa concepción musical do mesmo e compuxo tangos extraordinarios.
Aquí traemos varias versións de Oblivion, unha fermosa composición, chea de morriña:
- Unha con bandoneón incluído… Excelente.
- Aquí unha versión para oboe e orquestra:
- Versión para vilonchelo e piano:
- Versión para trío violín, violonchelo e piano.
Chaplin e a Danza húngara nº 5 de Brahms
Charles Chaplin foi un magnífico actor, director e compositor das bandas sonoras das súas propias películas. No filme “O grande dictador” hai unha escena onde Chaplin, barbeiro, arránxalle a barba a un cliente seguindo o ritmo e os temas da Danza húngara nº 5 de Brahms.
Xenial…!!!
Estudo op 56 nº 4 – Schumann
A comezos de 1845, Robert Schumann estaba empeñado en mellorar a súa escritura contrapuntística. O resultado deste esforzo son varias obras: os estudos op 56 en forma de canon para piano con pedal, Esquisses op 58, seis fugas sobre o nome de Bach op 60 para órgano e as catro fugas op 72 para piano a catro mans.
O piano con pedal foi un instrumento ideado por Johannn Gottlieb Wagner que consistía en equipar un piano cunha pedaleira que en 1840 xa estaba bastante perfeccionado. Estaba pensado para estudar órgano en casa…
Os Estudos op 56 son obras en forma de canon. Están cheos de inspiración e de música maravillosa. Como exemplo, esta xoia: o estudo nº 4, magníficamente interpretado por Thomas Murray.
À Chloris. Reynaldo Hahn – Susan Graham
Unha melodía sinxela e emotiva cun acompañamento ao estilo barroco soan nesta peza Á Chloris composta polo músico nado en Venezuela pero con formación francesa Reynaldo Hahn. A voz de Susan Graham móstrase no seu grande esplendor. Que fermosa voz e que grande cantante é!
Tres melodías semellantes
Non é raro que os compositores utilicen en varias obras a mesma melodía, claro, con certas diferenzas para que se acomoden ao carácter e temática da obra. Haendel tamén recorre a este procedemento. Un exemplo moi ilustrativo. A célebre melodía “Lascia ch’io pianga” de Rinaldo, tamén aparece en “Almira” coma unha “Sarabanda” e en “Lascia la spina“.
Lascia la spina
Almira
Lascia ch’io pianga
Tocando e cantando polo cambio por todo o mundo – Stand by me
A tecnoloxía musical e as TIC poden facer isto: posibilitar a interpretación da mesma peza por varios músicos en lugares distintos do planeta. “Playing for Change” é un movemento multimedia creado para inspirar, conectar e traer a paz ao mundo coa música como ferramenta. Vexan a proba: esta versión de Stand by me comeza en Santa Mónica (USA) e pouco a pouco vanse sumando a ela músicos e intérpretes de diferentes zonas do mundo. A disfrutar! Podemos cambiar o mundo? A linguaxe da música é universal…
Sonata para violín e piano – Cesar Franck
O gran compositor belga Cesar Franck, ademais de grande organista, adicou a súa atención á combinación instrumental violín-piano compoñendo unha fantástica Sonata en La maior. Cunha inspiración romántica, unha forma novedosa de tipo cíclico e cun tratamento virtuosístico do conxunto instrumental e de cada instrumento por separado, nunca lle dá a espalda á expresión dos sentimentos e á esencia musical. O primeiro movemento comeza dun xeito misterioso e chega no medio a unha cima expresiva moi inspirada. O último movemento é, quizais o máis novedoso, coa presentación dun canon entre os dous instrumentos que semella non deterse nunca e sen resolución pero que ao final resólvese.
Ofrecemos unha versión histórica con Yehudi Menuhin ao violín e unha pianista extraordinaria.
Primeiro movemento
Cuarto movemento