Tiento de 2° Tono Sobre la Letanía de la Virgen – Pablo Bruna
Os séculos XVII e XVIII considéranse coma os “séculos de ouro” do órgano ibérico. O órgano ibérico pódese definir como un modelo de órgano que se construía na península Ibérica é dicir, nos reinos de Castela, Portugal e Aragón. Señas identitarias deste órgano son o teclado partido, o segredo de corredeiras, a disposición horizontal da lingüetería no exterior da caixa, a arca de ecos… Tamén o rexistro fundamental deste órgano é o frautado de 13 palmos.
En Galicia temos un dos mellores órganos deste período en activo, aínda que moi necesitado dunha conveniente restauración. Trátase do órgano da Igrexa de Santa María de Xunqueira de Ambía (Ourense).
Como exemplo de música deste período escollemos a obra de Pablo Bruna “Tiento de 2° Tono sobre a Letania de la Virgen”. Sobre a melodía da ladaíña, Bruna constrúe unha serie de improvisacións cada vez máis audaces e ricas en cambios rítmicos e harmónicos.
Ofrecémoslle dous vídeos:
- Organista: Santiago Banda. Órgano: Igrexa dos Pais Dominicos de Pamplona.
- Partitura máis audición
Estudo op 56 nº 4 – Schumann
A comezos de 1845, Robert Schumann estaba empeñado en mellorar a súa escritura contrapuntística. O resultado deste esforzo son varias obras: os estudos op 56 en forma de canon para piano con pedal, Esquisses op 58, seis fugas sobre o nome de Bach op 60 para órgano e as catro fugas op 72 para piano a catro mans.
O piano con pedal foi un instrumento ideado por Johannn Gottlieb Wagner que consistía en equipar un piano cunha pedaleira que en 1840 xa estaba bastante perfeccionado. Estaba pensado para estudar órgano en casa…
Os Estudos op 56 son obras en forma de canon. Están cheos de inspiración e de música maravillosa. Como exemplo, esta xoia: o estudo nº 4, magníficamente interpretado por Thomas Murray.
Nun komm der Heiden Heiland
A música de órgano de Bach oscila entre o recollemento e a meditación da meirande parte dos seus corais e a grandiosidade e espectacularidade dos seus preludios e fugas.
Hoxe traemos a CaixadeMusicas un coral marabilloso: Nun komm der Heiden Heiland, BWV 659, a dous teclados e pedal. Pertence á colección de Leipzig. Nesta peza, o compositor vai desenvolvendo a melodía do coral por frases cun estilo imitativo adornado. Aquí soa a versión de T. Koopman, no órgano construido por Silbermann en 1714 de Saxony, Alemaña…