Arquivo por etiquetas: Schumann

Concerto en re menor para violín – Schumann

Ao redor de 1852, no medio dunha grande crise psicolóxica, Schumann estaba a desenvolver un novo estilo de compoñer. Unha mostra disto é o Concerto en re menor para violín e orquestra. O segundo tempo constitúe o movemento máis importante e no que este novo estilo se pode apreciar. Resulta un movemento enigmático, conmovedor, con momentos de grande tensión emotiva seguidos de pequenas pausas no discurso. Case é un tempo monotemático. A base de todo está nun deseño sincopado inicial que, aos poucos, vai aparecendo na orquestra ou no solista. Mentres, o tema amplíase, recórtase, outras veces suxírese, soa algo diferente cada vez que o escoitamos. Estamos, sen lugar a dúbidas, no inicio da forma cíclica, recurso moi empregado por compositores que viñeron despois. Por tanto, esta obra, ten moito de precursora. Ademais, ao propio compositor causoulle un forte impacto este tema. Era ese tema que dicía que fora dictado polos anxos, coa axuda de Schubert e Mendelssohn xa falecidos. Todo isto xeroulle grande anguria e levouno á súa terceira e derradeira crise que acabaría, despois de tirarse ao Rihn e de estar internado nun psiquiátrico, coa súa vida.

Ante todo, nesta obra apreciamos o xenio compositivo de Schumann. Ese xenio que se manifesta nunha linguaxe musical propia e única, inconfundible, orixinal, cun tratamento harmónico e orquestral tan persoal que semella estar ás veces fóra do seu tempo.

O violinista Liviu Prunaru interpreta o segundo movemento que dura ata o minuto 5:50, cando empeza o terceiro movemento.

Advertisement

Estudo op 56 nº 4 – Schumann

A comezos de 1845, Robert Schumann estaba empeñado en mellorar a súa escritura contrapuntística. O resultado deste esforzo son varias obras: os estudos op 56 en forma de canon para piano con pedal, Esquisses op 58, seis fugas sobre o nome de Bach op 60 para órgano e as catro fugas op 72  para piano a catro mans.

O piano con pedal foi un instrumento ideado por Johannn Gottlieb Wagner que consistía en equipar un piano cunha pedaleira que en 1840 xa estaba bastante perfeccionado. Estaba pensado para estudar órgano en casa…

Os Estudos op 56 son obras en forma de canon.  Están cheos de inspiración e de música maravillosa. Como exemplo, esta xoia: o estudo nº 4, magníficamente interpretado por Thomas Murray.